Torroso solicita unha “casa do maior” para o Centro Dotacional

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Membros da directiva da Comunidade de Montes formuláronlle a petición onte á conselleira de Política Social, Fabiola García, que se desprazou ata o Centro para coñecer as súas instalacións

 

 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou onte pola tarde o Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, acompañanada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro. A conselleira foi recibida no Centro Dotacional de Torroso polo presidente da Comunidade de Montes da devandita parroquia, Camilo Grandal, e demais membros da directiva desta entidade, quenes lle manifestaron a Fabiola García o seu interese por contar nestas instalacións cunha das “casas do maior” da Xunta de Galicia.

 

Precisamente atópanse en período de presentación de solicitudes as axudas autonómicas para a posta en marcha destas “casas do maior” que teñen por obxecto a atención diurna de persoas dependentes maiores de 60 anos.

 

Trátanse de experiencias piloto destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o establecemento da “casa do maior nos concellos” que non dispoñan de recursos de atención diúrna, é dicir, centro de día, para a persoas maiores, durante o ano 2020, cun máximo de 12 mensualidades.

 

Este servizo é gratuíto tanto para a entidade demandante, neste caso a Comunidade de Montes de Torroso en caso de que lle sexa concedida, como para as persoas benefiarias do mesmo, que ademais contarían tamén con dispoñibilidade de transporte de balde para desprazarse ata o Centro Dotacional de Torroso.

Con el preténdese prever e superar as causas que orixinen as necesidades sociais dos maiores, dando prioridade ás accións preventivas, dentro da unidade de convivencia que desexen as persoas beneficiarias. A iniciativa surxe da ne­cesidade de compensar os desequilibrios territoriais, garantindo o acceso ao sistema das galegas e galegos que residan en áreas con altas tasas de envellecemento e dispersión, mediante unha oferta equitativa e equilibrada de servizos en todo o territorio.

A “casa do maior” comprende a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e tempo libre, de forma que se procure o mantemento no medio social habitual evitando o internamento en institución cando non sexa desexado ou cando non existan preto do seu domicilio habitual.

Deseñarase e organizarase un ambiente e trato familiar, no que se dea resposta ás necesidades derivadas da idade e da situación de dependencia das persoas usuarias, co fin de evitar e /ou atrasar a institucionalización de persoas maiores, reducindo a súa de­pendencia e illamento sociais.

A atención prestada comprenderá a manutención, a hixiene, o desenvolvemento de actividades de lecer e/ou adestramento cognitivo. As persoas maiores poderán acudir ao centro un máximo de oito horas diarias nun ho­rario flexible que se pactará co/a profesional que desenvolva o proxecto piloto. En función do mesmo, servirase a comida, o almorzo e/ou a merenda, segundo proceda. Cada casa do maior terá un máximo de 5 prazas.

Desta forma aténdese, por unha banda ao benestar de coidadores familiares, ao fin de contribuír a diminuír a carga dos coidados e a favorecer que a permanencia das persoas en situación de dependencia na súa contorna se realice nas mellores condicións de equidade no acceso a recursos de proximidade, con independencia do lugar onde residan, e por outra banda foméntase a prevención das situacións de dependencia en persoas maiores que aínda gozan de autonomía, paliando así mesmo as situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

 

Preténdese crear oportunidades vitais para reter e atraer poboación na propia bisbarra e fomentar o reequilibrio territorial, aspectos ambos especialmente im­portantes en territorios afectados polo declive demográfico, como as áreas rurais de Ga­licia, concretamente as de interior, onde a fixación da poboación preséntase como unha cuestión prioritaria e as oportunidades laborais como un alicerce de desenvolvemento.