Traballo financia con 92.000 euros o Plan integrado de emprego de Mos para mellorar a cualificación dos seus 80 participantes

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, participou hoxe na presentación da iniciativa Insere 3.0 e presidiu a clausura do Insere 2.0

Insere 3.0 incidirá na importancia das novas tecnoloxías e das redes sociais na busca de emprego

Os 80 participantes proceden dos colectivos con máis dificultades á hora de atopar un posto laboral como as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, as mulleres e menores de 30 anos

O Plan Integrado de Emprego 2011-2012 desenvolvido nesta localidade acadou unha inserción laboral do 45 por cento

Mos (Pontevedra), 1 de febreiro de 2013.-A Consellería de Traballo e Benestar está a investir máis de 92.000 euros no Plan Integrado de Emprego de Mos para mellorar a empregabilidade dun total de 80 persoas. O obxectivo último desta iniciativa, denominada Insere 3.0, é acadar a inserción laboral do 50 por cento dos participantes.

Así o destacou hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, na presentación en Mos deste novo programa para 2013, onde estivo acompañada polos responsables da execución deste plan, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS).

A titular da área autonómica incidiu en que os participantes proceden dos colectivos con máis dificultades á hora de atopar un posto laboral como son as persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, as mulleres, en especial as vítimas de violencia de xénero, os menores de 30 anos e as persoas desempregadas como consecuencia da actual crise económica.

Insere 3.0 centrarase na importancia da novas tecnoloxías e das redes sociais na busca de emprego. O programa integrado de emprego inclúe, entre outras actuacións, a celebración dun forum para difundir a iniciativa; obradoiros de competencia dixital e de emprego a través de Internet; e cursos enfocados a diversas profesións como hixiene alimentaria, operario polivalente de almacén, operario de limpeza ou operador de operación loxísticas.

Para desenvolver e deseñar este plan, levaranse a cabo diferentes accións como unha prospección do mercado laboral, deseño e programación de cursos formativos a media, prácticas pre-laborais tuteladas en empresa, sesións de desenvolvemento persoal e grupos de busca activa de emprego, promoción de candidaturas entre o empresariado asociado, así como asesoramento a emprendedores.

Díaz López, ademais, asistiu en Mos á clausura e entrega de diplomas do Plan Integrado de Emprego desenvolvido na localidade entre 2011 e 2012, o Insere 2.0. Nesta iniciativa tomaron parte un total de 100 persoas desempregadas, das que un 45 por cento acadaron a inserción no mercado de traballo.

Este programa conseguiu incrementar o nivel de competitividade laboral dos participantes, grazas á configuración de diferentes alternativas e itinerarios de inserción, adecuados ás súas competencias. En total realizáronse 216 accións formativas.

“Este programa innovador contou coas últimas tecnoloxías e fixo fincapé na prospección de empresas e na formación”, explicou Díaz López.

Por último, apuntou que cos plans integrados de emprego o que se pretende é mellorar a empregabilidade dos participantes innovando na xestión das oportunidades laborais e formativas.