Tras o éxito do ano pasado, Mos repite coa campaña de recollida de alimentos Nadal Solidario

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Gracias a esta iniciativa, ningunha familia mosense sufrirá carencias na súa alimentación durante estas datas tan sinaladas

 

As concellerías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Mos, que dirixen as edís Kely Monzón e Sara Cebreiro respectivamente, en colaboración co Club de Leones de Mos, tras o éxito obtido o ano pasado con esta campaña, están a organizar novamente a iniciativa de recollida de alimentos para as familias máis desfavorecidas do municipio, Nadal Solidario.

 

Para levar a cabo o programa Nadal Solidario, as concelleiras responsables solicitan a colaboración de toda a comunidade veciñal, coa aportación de alimentos típicos destas festas, que se poderán deixar nos seguintes lugares habilitados: ata o 17 de decembro nos centros educativos de Mos ou no departamento de Participación Cidadá do Concello (Edificio Multiusos), en horario de 9.00 horas a 14.00 horas e tamén ata o 17 de decembro en calquera asociación veciñal das distintas parroquias.

 

Tamén se solicitará colaboración aos supermercados (grandes superficies) do Concello, empresas distribuidoras de alimentos, ás asociacións veciñais e ós centros educativos do municipio.

 

O día 17 de decembro farase a recollida de alimentos nos centros educativos e nas asociacións colaboradoras, establecendo con anterioridade un horario, e os alimentos levaranse á sede da Asociación Club de Leones onde se procederá ao seu clasificado e a elaboración dos paquetes. O día 18 de decembro procederase á clasificación dos alimentos na sede do Club de Leones e o empaquetado realizarase os días 18 e 20 de decembro.

 

O día 20 de decembro ás 18.00 horas procederase á “Entrega Solidaria” dos alimentos ás familias  necesitadas de Mos, supervisado o listado polo departamento de Benestar Social do Concello, na sede da asociación  Club de Leones. Tamén se lles entregará ás familias que, aínda que non reciban atención do departamento de Benestar Social, se atopen nunha situación económica crítica.

 

As edís responsables da campaña Nadal Solidario declararon a este respecto que con este programa “tratarase de garantir as necesidades básicas, en materia de alimentación, (ao longo destas festas), de todas aquelas familias veciñas de Mos con escasos ingresos económicos, unha cifra que lamentablemente, coa situación de crise que vivimos, é cada vez maior”.

 

As representantes municipais explicaron tamén que “o obxectivo deste programa é conseguir a sensibilización de toda a comunidade, ante a difícil situación económica pola que están atravesando moitas familias do municipio mosense, aportando o noso grao de area nestas datas tan sinaladas, repartindo alimentos típicos destas festas”. “A situación este ano agravouse, e temos máis familias ás que lles costa chegar a fin de mes. Queremos novamente poñer en marcha este acto de solidaridade e necesidade,  coa recollida de alimentos que realizaremos co motivo do Nadal en colaboración coa asociación Club de Leones”, declararon, e fixeron un chamamento a toda a comunidade interesada en colaborar como voluntarios para axudar na clasificación e elaboración dos paquetes; os interesados, que deberán ser maiores de idade, poderán inscribirse no departamento de Participación Cidadá do Concello de Mos, situado no Multiusos. Asimesmo rogaron que a dirección de calquera asociación ou centro educativo, que coñeza a algunha familia do contorno que precise desta axuda, poderá poñelo en coñecemento das concellerías organizadoras para que a asociación Club de Leones estableza contacto con eles e valore a situación. Recordaron, ademais, que as familias necesitadas poden dirixirse ao departamento de Benestar Social para solicitar a Axuda por Emerxencia Social.

 

Club de Leones de Mos

 

As concellerías de Benestar Social e Participación Cidadá mosenses organizan a campaña de recollida de alimentos, Nadal Solidario, conxuntamente co Club de Leones de Mos. A Asociación Club de Leones leva traballando en beneficio dos máis necesitados do Concello de Mos e Porriño dende o ano 1991, ao longo dos cales, e a través dos seus socios colaboradores (particulares e empresas), conseguiron que moitos fogares conten cos servizos de primeira necesidade dos que carecían. Esta asociación adheriuse fai 18 anos ao programa de alimentos da Cruz Vermella, do que recibe preto de 8.000 kilos de alimentos trimestrais que distribúe entre máis de 200 familias.