Un ano máis, ningún neno de Mos quedará sen o seu agasallo de Reis

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

56 cativos de familias usuarias dos Servizos Sociais municipais farán realidade o seus soños navideños mañá grazas á colaboración de AEMOS e o “Club Mos Racing Sport”

 

O tenente alcalde de Mos, Camilo Augusto, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e a edil mosense de Deportes e Participación Cidadá, Begoña Toucedo, recibiron esta mañá de mans do vicepresidente de AEMOS, Ramón Alonso, os agasallos que farán realidade os soños dos 56 nenos/as de familias usuarias dos Servizos Sociais mosenenses.

Ademais da inestimable colaboración dos empresarios mosenses, Mos Axuda contou nesta ocasión para esta iniciativa solidaria navideña coa recadación obtida na Quedada Solidaria organizada polo “Club Mos Racing Sport” consistente nun acto de automovilismo celebrado en Louredo o pasado 7 de decembro.

Os agasallos que os 56 cativos beneficiarios recibirán mañá, 4 de xaneiro, nun acto conxunto organizado para as 12.00 horas da mañá, son xoguetes, obxectos, materiais ou prendas que previamente os/as nenos/as beneficiarios/as pediron nas súas respectivas cartas aos Reis Magos. Deste xeito ningún cativo de Mos quedará sen cumprir o seu desexo neste Nadal.

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, entregarán mañá os agasallos da campaña municipal solidaria, Mos Axuda no Nadal, no Salón de Actos da Axencia de Colocación de Mos.

Os representantes municipais mosenses, Augusto, Cebreiro e Toucedo, declararon que “esta iniciativa naceu perseguindo a finalidade de prestar axuda e protección aos máis necesitados, coa colaboración do empresariado, para poder levar a cabo este proxecto solidario e que todos os nenos/as de Mos fagan realidade o seu desexo nestas festas”.

Mos Axuda no Nadal é unha iniciativa solidaria promovida polo Concello de Mos en colaboración coa Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, entre o seu tecido empresarial asociado, para que ningún desexo dun neno este Nadal quede sen facerse realidade.

Tenente alcalde e edís de Política Social e Deportes aproveitaron a ocasión para agradecer a colaboración da Asociación de Empresarios de Mos e do “Club Mos Racing Sport” neste proxecto.