Un contacontos musicado será a próxima actividade do programa Ocio en Familia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Baixo o título de ‘O país das sete colinas’, representarase o vindeiro domingo ás 18.00 horas no Multiusos

A concelleira mosense de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informou hoxe sobre a próxima actividade incluída no programa Ocio en Familia que se celebrará o vindeiro domingo, día 26 de maio, a partir das 18.00 horas no Multiusos das Pozas. Trátase do contacontos musicado titulado ‘O país das sete colinas’ que será interpretado pola compañía ‘As Maimiñas’.

Durante a actividade os nenos e nenas asistentes, acompañados dos seus pais e/ou familiares, xogarán coa súa imaxinación a través das cores, da música e dos valores.

Nesta representación ‘As Maimiñas’ visitan o país das sete colinas que é un lugar moi triste e sen cor ata que un día os seus habitantes fan un descubrimento sorprendente. O conto relata a historia dun país moi peculiar onde cada colina representa unha cor, pero unha delas non ten cor e nela vive un estrano ser que se lamenta día e noite ao ver as cores das demais colinas.

Nesta actividade trabállase a imaxinación e a retentiva dos máis pequenos, a través das cores e da aprendizaxe de danzas, asociadas cada unha delas a unha cor. Os nenos e nenas traballarán a audición e a memoria, ao mesmo tempo que o desenvolvemento de valores como a solidariedade e a empatía.