Un dispositivo de loita contra incendios dotado de 14 traballadores comezará a operar a principios do mes que ven

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello de Mos contratará, grazas á subvención de Medio Rural, 4 operarios, 1 xefe de brigada e 9 condutores durante a tempada estival

O Concello de Mos inicia a súa campaña municipal contra incendios deste verán para a que a administración local vai contratar, grazas ó convenio por tres anos asinado coa consellería de Medio Rural, 14 traballadores: 4 operarios integrantes dunha brigada forestal, un xefe para dita brigada e 9 condutores para os vehículos motobomba; así informaron esta mañá a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Medio Ambiente e Emerxencias, Julia Loureiro.

Este convenio antes asinábase anualmente e agora, con esta firma por tres anos, conséguese unha maior estabilidade do servizo prestado e garantir a creación dunha serie de postos de traballo de cara ao vindeiro ano.

O pasado venres, 16 de xuño, rematou o prazo de inscricións do que resultaron un total de 51 candidatos inscritos: 18 para o posto de condutor/a, 5 para o de xefe/a de brigada e 28 para o de operario/a. Está previsto que as probas de selección se realicen a semana que ven para que os/as seleccionados/as comecen a traballar o vindeiro 3 de xullo.

Estes 14 novos traballadores estarán operativos todo o verán para realizar funcións de prevención e defensa forestal, reforzando o xa existente Servizo Municipal de Emerxencias e contando en todo momento coa colaboración dos integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.

As representantes municipais, a rexedora local Nidia Arévalo e edil Julia Loureiro declaron a este respecto que “a importancia deste dispositivo de loita contra incendios é vital”, pero incidiron en que “é preciso concienciar á cidadanía para intentar diminuír desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos. Por iso insistimos en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non sexan vítimas dos lumes”.