Un empresario mosense do sector alimenticio doa 7.000 quilos de carne a comedores sociais de toda Galicia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátase de Acacio Portal, da empresa Portalconsa, que repartiu a súa doazón entre o centro de EVD en Petelos e 11 comedores sociais

 

O empresario veciño de Mos, propietario da empresa mosense Portalconsa con instalacións tamén na actualidade no veciño Concello do Porriño, Acacio Portal, ven de facer unha solidaria, altruísta e desinteresada doazón ao comedor do Centro das Escravas da Virxe Dolorosa en Petelos e a 11 comedores sociais das catro provincias galegas.

En total repartiu 7.000 quilos de carne para estes 12 comedores co obxectivo de cubrir necesidades básicas entre as persoas que máis o necesitan nestes momentos de crise sanitaria.

Acacio Portal, coa intención de facer a súa aportación social durante este estado de alarma polo COVID-19, e querendo chegar aos sectores máis necesitados da poboación, púxose en contacto coa alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, para consultar e canalizar coa Xunta de Galicia o mellor xeito de proceder a realizar a súa doazón.

Deste xeito, Arévalo abordou o tema coa conselleira de Política Social, Fabiola García, quen lle facilitou ao empresario mosense a listaxe dos comedores sociais que máis precisaban desta colaboración.

Así, os comedores receptores da axuda de Portal son: Cocina económica de Santiago, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Instituto Benéfico Social “Padre Rubinos”, Cocina económica de A Coruña, Cocina económica de Ferrol, Centro de Desenvolvemento Rural de “O Viso”, Cáritas Diocesana de Ourense, Misión del Silencio-Comedor Social Virgen de Lourdes, Casa Caridad de Vigo Hogar San José-Comedor de la Espezanza, Voluntarias de la caridad de Marín-San Vicente de Paúl, e Asociación de Caridade Santiago Apóstol de Cangas.