Un espectáculo teatral de fomento do uso do galego chega o sábado ó Multiusos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Interpretado pola compañía Fulano, Mengano e Citano e organizado pola concellería mosense de Educación e Participación Cidadá

 

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza un espectáculo de Fulamun, Menganum et Citanum que terá lugar o sábado 11 de outubro no Multiusos das Pozas de Mos en horario de 20:00 horas a 21:30 horas.

 

A representación leva por título “A louca historia de Galicia” e consiste nunha divertida sátira que, lonxe de utilizar a historia para facer humor, válese do humor para contar a historia galega. Ao longo da peza aparecerán personaxes como: Xulio César, Almanzor, Fonseca, os Reis Católicos, Napoleón, etc. En “A louca historia de Galicia” o ritmo narrativo sucédese dun xeito trepidante. A rápida transformación dos obxetos de atrezo, a luz e os elementos do vestiario van guiando ó espectador a través dos momentos máis vibrantes do pasado de Galicia. Impactantes imaxes, intercaladas ó longo de toda a peza, complementan a narración, axudando a transformar a información en emoción.

 

Sobre esta actividade Monzón, concelleira responsable da mesma, declarou que “o principal obxectivo da obra é a promoción da lingua galega como lingua oficial da nosa comunidade e do noso municipio e mediante ela pretendemos focalizar a atención dos participantes na importancia de usar a lingua galega como a lingua propia de cada galego/a e no coñecemento da historia de Galicia”. Deste xeito queda claro que esta actuación ten unha finalidade fundamentalmente educativa e lúdica, utilizando como base da actuación o humor para que o aprendizaxe sexa máis entretido e divertido.

 

O espectáculo vai dirixido principalmente ó alumnado dos centros de Educación Primaria do Concello de Mos.