Un novo semáforo da Deputación averiado en Mos mentres que continúa a espera do arranxo dos outros dous

Escrito por admin. Posteado en Actualidad, Actualidade

Un novo semáforo da Deputación averiado en Mos mentres que continúa a espera do arranxo dos outros dous

A administración provincial decidiu elaborar un convenio que especifique as competencias de cada unha das partes, que o Concello asinou hai máis dun mes e continúa esperando a que a Deputación de Pontevedra o formalice

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, piden que se axilice a formalización e remisión ao Concello por parte da Deputación de Pontevedra do convenio que regule o mantemento dos semáforos nas estradas provinciais que pasan polo municipio.

Os representantes municipais Arévalo e Augusto informaron a este respecto de que “fai meses que se mantivo unha reunión a este respecto con representantes da Deputación que recoñeceron a competencia e responsabilidade da administración provincial sobre estes semáforos e comprometéronse a arranxar os averiados que non funcionaban (Puxeiros e Guizán), ao tempo que redactarían un convenio entre Deputación de Pontevedra e Concello de Mos para establecer as competencias e responsabilidades de cada administración sobre os mesmos, asumindo a primeira o mantemento dos sistemas de funcionamento e a administración local as reparacións menores tales como o cambio de luminarias cando estas se fundan, por exemplo”. “Desde o Concello recibimos o devandito convenio”, continuaron explicando rexedora local e tenente alcalde, “que lle devolvemos asinado á Deputación; pero levamos máis dun mes esperando a que esta formalice o documento”.

Segundo informan Nidia Arévalo e Camilo Augusto é constante a reclamación do devandito documento á Deputación de Pontevedra, desde donde se alega que a demora está motivada pola espera dun informe xurídico.

Entre tanto, o número de semáforos de viais provinciais averiados en Mos aumenta (agora estropeouse tamén o de Torroso), co conseguinte perigo que iso supón para a seguridade viaria e as vidas das persoas, tanto viandantes como conductores; xa que a inactividade destes semáforos multiplica exponencialmente o risco de atropelos e/ou colisións entre vehículos en cruces perigosos de vías.

Lamentan desde o goberno mosense “a deixadez neste senso da Deputación de Pontevedra, dando a sensación que un tema tan delicado e sensible como este non lles preocupa”.

“Tan só pedimos que se arranxen e se poñan en funcionamento os 3 semáforos averiados e que cada administración asuma as responsabilidades que lle competen, algo tan lóxico, sinxelo, sensato e coherente como iso. Algo que ademáis é vital para garantir a seguridade viaria e salvar vidas”, sentenciaron Arévalo e Augusto.