Unha mosense abre en Porriño unha escola de música e danza pioneira na zona

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Foi inaugurada o pasado venres e conta xa con máis de 170 alumnos matriculados

 

A mosense Lucía Lago Fernández emprendeu unha iniciativa didáctica do máis innovadora abrindo en solitario a escola de música e danza maiSon da que é propietaria e directora. As instalacións, que contan cunha superficie total de 230 metros cadrados na que se distribúen seis aulas, catro de música e dous de danza; atópanse situadas na porriñesa rúa Codesal.

 

No caso das catro aulas de música, dous delas están especialmente adaptadas e equipadas para os máis pequenos. Unha delas, para bebés, está dotada de material psicomotor e instrumentos de pequena percusión. A outra conta con teclados de tamaño reducido instalados co obxectivo de iniciar na música ós nenos e nenas dende os 5 anos de idade.

 

As outras dúas aulas de música divídense nun espacio únicamente para a percusión e outro para o resto de instrumentos nos que se estudia, piano, violín, violoncello, guitarra, combos, trompeta e saxofón.

 

Nas dúas aulas de danza impártense todas as modalidades posibles de baile, dende danza clásica ata moderna e contemporánea, hip hop, break dance, bailes latinos (bachata, salsa, etc.), bailes de salón, ladies styling, flamenco e danza oriental. Tamén teñen unha disciplina denominada predanza, mediante a que se inicia no mundo do baile ós cativos de menor idade.

 

A día de hoxe, e pese a recente apertura do centro, que se inaugurou o pasado venres, día 30 de agosto, xa conta con máis de 170 alumnos matriculados, que dispoñen para a súa formación dun total de 15 profesores e profesoras, todos con titulación superior.

 

O nome da escola, maiSon, ven do nome artístico da directora, Mai, adoitado por ela mesma ó ser unha dos membros da compañía artística As Maimiñas.

 

O carácter innovador desta iniciativa emprendida por unha veciña de Mos reside fundamentalmente na variada e nalgúns casos curiosa oferta de actividades. En maiSon impártense ademais das anteriormente mencionadas, clases dirixidas a tódalas idades (de 0 a 100 anos como lle gusta dicir á súa directora, Lucía Lago), dende estimulación  e linguaxe musical ata ioga para mamás e bebés, ademais de canto enfocado dende a perspectiva moderna e incluso clases de tai chi, ioga e pilates. Desenvolven tamén actividades para mulleres embarazadas de xeito que estas traballen a música dende o ventre e lla transmitan ó feto xa dende a súa xestación. Trátase, en palabras da propia Lucía “dunha forma dinámica de enfocar a música dende a perspectiva do xogo”.

   

Á presentación da escola celebrada o pasado venres acudiron ademais de amigos, alumnos e profesores, os concelleiros mosenses Sara Cebreiro –de Cultura-, Kely Monzón –de Educación- e Camilo Augusto; así coma membros da Corporación Municipal porriñesa, entre eles o alcalde.