Unha tonelada de caramelos endozará a Cabalgata de Reis de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • Repartiranse 1.000 quilos de caramelos sen glute durante a tarde de maior ilusión infantil
  • O domingo 5 de xaneiro desfilarán pola Avenida de Sanguiñeda 4 rondallas e 4 carrozas ambientadas en ‘La Vuelta Ciclista a España’

 

As carrozas mosenses xa están listas para recibir o vindeiro domingo a Melchor, Gaspar e Baltasar. A temática que ambienta as carrozas da Cabalgata de Reis deste ano é ‘La Vuelta Ciclista a España’.

A comitiva real arrincará o 5 de xaneiro ás 18:00 horas desde o concesionario Renault en Sanguiñeda e concluirá, como nos últimos anos, na explanada da Discoteca Queen, onde estará instalada unha gran carpa.

O Belén Vivinte organizado pola A.V.V. Chan do Bosque estará instalado na carpa onde os persoaxes do nacemento recibirán a Melchor, Gaspar e Baltasar.

Catro serán as asociacións que forman parte da comitiva real e que participan no tradicional concurso de carrozas: C.R.C. de Torroso, A.V.V. Nosa Terra de Pereiras, C.C.S. de Herville e C.C. Abrente.

Durante o percorrido da Cabalgata, as suas Maxestades de Oriente repartirán un total 1.000 quilos de caramelos, doces que serán sen gluten, aptos para persoas celíacas, alérxicas e/ou intolerantes. Tras o desfile, actuarán as 4 rondallas de Mos na seguinte orde establecida tras sorteo: C.R.C. de Torroso, C.C.S.D. Santa Eulalia de Mos, C.C.S. de Herville e Asociación Rondalla Club Santiaguiño Guizán.

A deste ano será unha Cabalgata de Reis moi especial, xa que estará inspirada e ambientada en ‘La Vuelta Ciclista a España’, temática na que se basean os deseños das carrozas participantes.

No ano 2020 o municipio mosense acollerá, por primeira vez na historia, a saída dunha etapa de ‘La Vuelta Ciclista a España’. Será a única etapa que haberá na provincia de Pontevedra e unha das 3 etapas que haberá en Galicia. A etapa con saída desde Mos será número 18 e terá lugar o xoves 3 de setembro ás 13.00 horas, e desde o Concello de Mos e a organización de ‘La Vuelta’ estase a estudar cal será a ubicación exacta desde onde se producirá a saída.

É por elo que desde o Concello de Mos decidiuse tamén ambientar a Cabalgata de Reis neste evento deportivo tan destacado.

A concentración previa ao desfile das carrozas e rondallas participantes terá lugar no concesionario da Renault en Sanguiñeda, ás 17:30 horas, para ás 18:00 horas desfilar cara ó final da Avenida de Sanguiñeda. As carrozas e rondallas seguirán o orde que quede establecido no sorteo a realizado tras o remate do prazo de inscrición dos participantes.

No apartado de carrozas, o Concello de Mos concede unha axuda económica de 800€ ás carrozas participantes. Ademais o concurso de carrozas consta de tres premios: 1º Premio de 500€, 2º Premio de 300€ e 3º Premio: 200€.

No apartado de rondallas, estas actuarán ó longo do percorrido do desfile así como unha actuación individual ó remate da cabalgata de 10 minutos. Concédeselles unha axuda económica de 1.000€ a cada unha. No apartado de Belén Vivinte concédese unha axuda económica de 700€ á asociación encargada de recrear o Belén.