Unha xogadora do Mos na Selección Española de Fútbol

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, asistiu esta tarde ao acto de presentación oficial dos equipos da Unión Deportiva Mos nas Baloutas para felicitala

 

A xogadora do Mos Feminino, Paula González Jorge, foi convocada pola Selección Española de Fútbol Feminino Sub-16, coa que aínda non xogou ningún partido pero sí asistiu xa aos adestramentos que tiveron lugar en Las Rozas en Madrid, do 21 ao 23 de outubro.

Polo gran logro desta convocatoria a xogadora do U.D. Mos Feminino foi felicitada esta tarde no Campo de Fútbol das Baloutas (durante o acto oficial de presentación de todos os equipos das diferentes categorías da Unión Deportiva Mos para a presente tempada 2018-2019) polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes mosense, Begoña Toucedo, demais membros do equipo de goberno local e o presidente da U.D. Mos, Pablo Alonso Serodio.

Paula González ten 15 anos e estuda 4º da ESO, xoga de central ou medio centro e é a máis nova do equipo, xa que o resto de xogadoras teñen idades superiores aos 20 anos.

Na Liga de Primeira División Autonómica, o U.D. Mos Feminino vai segundo, sen ter perdido ningún partido e con só dous tantos encaixados.

Sobre como vive Paula a convocatoria para a Selección Española a súa nai, Mercedes Jorge González, explica que “víveo con moitas ganas e ilusión, o fútbol é a súa paixón e dende sempre pediu de regalos de Reis balóns ou botas de fútbol, nunca ningún outro xoguete, sempre cousas relacionadas co fútbol”. Paula González é a pequena de catro irmáns (3 nenas e 1 neno) e ela quixo seguir os pasos do seu irmán varón apuntándose a fútbol como actividade extraescolar, así comezou con 4 anos no Coruxo C.F. para despois cambiarse, no primeiro ano de Alevíns, para o San Miguel C.F. A tempada pasada xa a fichou o Mos e este é o seu segundo ano co clube mosense.

Agora Paula é Cadete de segundo ano e con 11 anos xa foi convocada para xogar coa Selección Galega de Fútbol. Xogou coa Selección Galega Sub 12 con 11 anos, e coa Sub 15 con 13 anos. Actualmente, ademais de coa Selección Española, continúa tamén convocada pola Selección Galega Sub 17.

A súa familia asegura sentirse moi orgullosa de Paula, xa que ademais a súa nai e o seu avó son grandes afeccionados a este deporte e seguidores do Celta.

Dende o Concello de Mos, rexedora local e edil de Deportes, destacan a valía desta xove xogadora á que definiron como “un exemplo e un orgullo, do mismo xeito que o son as súas compañeiras de equipo, que están a ser a sorpresa da Liga e veñen despuntando dende fai xa varios anos”. Arévalo e Toucedo quixeron animalas a todas “a seguir pola senda de traballo duro e superación que xa as ven caracterizando e continuar na mesma liña na Liga, para tentar traer o título para Mos”.