Uns 80 vehículos clásicos percorrerán o domingo as estradas de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A concentración con motivo das Festas da Rosa contará este ano coa presencia de coches, motos e ata un camión antigos

 

O vindeiro domingo, día 9 de xuño, celebrarase a III Concentración de Vehículos Clásicos con motivo das Festas da Rosa. Neste evento reúnense tanto coches como motos ou calquera outro automóvil a motor que teña a antigüidade necesaria como para ser considerado clásico.

 

A concentración dará saída este ano ás 10.30 horas da mañá dende Costoias, Tameiga, para facer unha ruta turística cos vehículos que incluirá a visita dos conductores e pasaxeiros dos mesmos ó Car Classic Musseum, ubicado na estrada Puxeiros-Peinador, e que alberga unha das coleccións privadas de coches clásicos máis importantes, polo número de exemplares e valor, de toda Europa. O fin de ruta farase na Festa Popular do Polbo no Alto de San Cosme, parroquia de Cela.

 

A continuación os participantes que así o desexen, e que deberán levar a súa comida, poderán xantar todos xuntos ó aire libre no lugar de saída da ruta e punto de encontro da concentración, Costoias, onde pasarán a tarde e a onde os afeccionados a este tipo de vehículos que non puidesen participar no evento matinal poderán achegarse a contemplar os coches que estarán expostos neste fermoso enclave da parroquia mosense de Tameiga.

 

Os interesados en participar co seu vehículo na concentración poden inscribirse ata o propio día de celebración da mesma, aínda que dende a organización solicítase ós participantes que intenten apuntarse o antes posible. Para participar ou obter máis información sobre esta iniciativa pódese escribir ó enderezo de correo electrónico concentraciondecochesclasicosfestadarosa@hotmail.com ou consultar o perfil de Facebook do evento. A inscrición é totalmente gratuita.

 

Ata o de agora hai sobre 50 vehículos inscritos para participar na concentración do domingo, aínda que a previsión é a de chegar ós 80 automóviles, cifra que duplicaría os participantes na edición do ano pasado. Entre os xa inscritos achegaranse ata Mos coches clásicos procedentes das outras provincias galegas, A Coruña, Lugo e Ourense. Ademais o toque curioso porao este ano un vehículo participante moi especial, trátase dun camión marca Mercedes da década dos anos 40 do século pasado, que é propiedade dun veciño da parroquia mosense de Sanguiñeda.