Ven a cear a COGAMI

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os habitantes da vivenda tutelada comparten cociña e mesa coa alcaldesa de Mos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, tivo esta semana unha cita moi especial concertada o pasado 4 de febreiro na presentación da vivenda tutelada de COGAMI no Rebullón. Quedou cos seus cinco habitantes para preparar a cea e compartir unha velada chea de confidencias, traballo en equipo e divertidas anécdotas. Arévalo, rexedora local mosense, declarou tras a experiencia que “estou feliz. Grazas a COGAMI por darme esta oportunidade de compartir cociña e mesa cos integrantes da súa vivenda tutelada. Grazas de corazón. Foi unha verdadeira honra compartir este momento con este grupo de persoas que buscan ter máis oportunidades”.

Cinco das corenta e dúas persoas usuarias que ten o centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Mos (COGAMI) vivirán durante dous meses e medio na vivenda tutelada e totalmente adaptada en Mos. Son Ramón, Antonio, Vanesa, Nara e Araceli os compañeiros de vivenda que estrean o novo proxecto piloto.

Na preparación da cea e posterior degustación participou tamén Ángel Holguera, presidente provincial de COGAMI. O menú constou dunha ensalada completa de primeiro, macarróns boloñesa gratinados de segundo e de postre tulipas de fresas con nata.

Baixo o nome de Independízate, COGAMI botou a andar un proxecto co que se pretende mellorar a calidade de vida e, sobre todo a autonomía das persoas con discapacidade física. O obxectivo é adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, polo tanto, as persoas participantes teñen a oportunidade de convivir nun espazo adaptado, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompaña no seu proceso de aprendizaxe e adestramento. A posta en funcionamento deste servizo é un recurso de vivenda tutelada para persoas con algún grao de dependencia e que precisen nun futuro deste tipo de servizo.

Este proxecto vai dirixido tanto a persoas que contan con axuda dunha terceira persoa como tamén para as que non a teñen. Todas elas teñen que realizar tarefas propias para desenvolverse do xeito máis autónomo posible e traballar aspectos básicos da economía familiar, control de gastos, a xestión de compras, así como o aseo e coidado persoal, as tarefas de limpeza do fogar e o tempo de lecer ou esparexemento tanto dentro como fóra da vivenda. A convivencia implica tamén acudir a citas médicas ou facer calquera outra xestión administrativa. O proxecto contempla un servizo de acompañamento e transporte que lles facilita estas tarefas.

Para a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, este proxecto é “un exemplo de igualdade para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades “. A alcaldesa felicitou a COGAMI por “ter unha vivenda onde as persoas usuarias se sintan totalmente integradas, onde poden ter a súa independencia total”.

O equipo de profesionais que leva a cabo o proxecto está formado por 2 persoas coidadoras, unha traballadora social, unha terapeuta e unha pedagoga que teñen como misión o acompañamento no desenvolvemento de obxectivos individuais que posibiliten a vida autónoma das persoas participantes, así como o acompañamento e apoio no desenvolvemento das actividades que se vaian organizando no proxecto.