Verónica Romero, pregoeira de altura para a Festa do Codillo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A alpinista foi hoxe a responsable de dar o pregón durante a vixésimo segunda edición da festa gastronómica mosense, na que se repartiron máis de 3 toneladas de producto

 

Hoxe celebrouse a XXII Festa do Codillo que tivo lugar na contorna do Pazo de Mos, organizada polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos. A pregoeira da festa deste ano foi Verónica Romero, alpinista mosense integrante da expedición feminina ‘Compromiso por la Tierra’.

 

Na Festa do Codillo de Mos púidose saborear, polo prezo de 12 euros, unha receita de codillo de porco ó forno, composta por dúas partes de codillo con arroz branco e chícharos, acompañado dunha salsa cun toque picante e servido todo nun prato de porcelana con garfo e coitelo metálicos, pano de mesa, pan e vaso de viño ou botellín de auga.

 

A degustación do Codillo foi dende ás 11:00 horas ata fin de existencias. Dende o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia estiman unha afluencia de asistentes de 5.000 persoas entre as que se repartiron 2.500 kg. de codillo de porco, 500 kg. de arroz, 150 kg. de chícharos, pemento, cebola, allo, etc., 5.000 bolos de pan, e 2.000 botellas de viño.

 

Ademais da intervención da pregoeira, Verónica Romero, contouse coas actuacións do Grupo Airiños do Castelo, Banda de Gaitas e Grupo de Baile do CCD Santa Eulalia, do Grupo de Danzas Alquería, Escola de Folclore de Aranda de Duero, Burgos; e os intermedios estiveron amenizados pola charanga Os Charamujas.

 

Historia da festa

 

A Festa do Codillo xurdiu grazas ó afán da primeira xunta directiva do Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia, por buscar novas ideas para ilusionar a tódolos veciños e ós socios en particular. Queríase facer un evento no que Mos se convertese nun referente. Pensouse en facer unha festa gastronómica, posto que no Concello de Mos non había ningunha festa importante desas características.

 

E así, despois de barallar varias opcións, propúxose o codillo, unha parte do porco que ata ese momento non se enxalzaba en ningunha festa gastronómica de Galicia.

 

Este evento chegou o 8 de novembro de 1998 baixo a denominación de “1ª Festa do Codillo”, facéndose realidade unha das ideas máis orixinais e importantes que desenvolvería o Círculo. Actualmente é unha festa consolidada que atrae cada ano a milleiros de persoas, converténdose na máis importante destas características do Concello de Mos e unha das máis destacadas da nosa comarca.

 

Dende o ano 2009 estableceuse como data fixa para a súa celebración o terceiro domingo de outubro. O seu emprazamento dende o ano 2012 é o Contorno peonil do Pazo de Mos, preto do cruce da N.550 (O Porriño – Redondela) coa PO.2601 (a Torroso, Puxeiros) detrás da igrexa parroquial de Sta. Eulalia de Mos. Este emprazamento é o berce do Concello de Mos e o único xérmolo de casco histórico municipal, de onde a mediados do século XVI ergueron a súa vivenda, sete casas máis para o seu servizo e a igrexa parroquial, os primeiros señores de Mos, que co tempo alcanzarían os máis altos recoñecementos nobiliarios, converténdose en Marqueses de Mos con grandeza de España. As vicisitudes da historia quixeron tamén que o Pazo fose testemuña directa da ira das tropas francesas durante a Guerra da Independencia, sendo queimado no ano 1809 converténdose nun edificio en ruínas. Despois de pasar por varias mans o Pazo do Marqueses de Mos, acabou sendo donado ós veciños da Parroquia de Mos, que foron quen de poñerse de acordo para a súa reconstrución conseguindo os medios materiais e económicos suficientes para poder convertelo na grande casa social e cultural de todos eles.

 

Neste contorno histórico, no que se desenvolve a Festa do Codillo, e moitas máis iniciativas, atópase tamén o que foi a Casa do Concello de Mos.