VINTE ANOS DESPOIS, O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO XESTIONA DIRECTAMENTE O CICLO INTEGRAL DA AUGA NOS CONCELLOS DE MOS, O PORRIÑO, SALCEDA DE CASELAS E TUI

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Consorcio ten carácter de administración pública local e iniciou a prestación efectiva dos servizos de abastecemento, sumidoiros e depuración o 1 de xaneiro de 2014

Van xa mais de vinte anos dende que en 1993 foran declaradas de interese xeral do Estado as obras necesarias para levar a cabo o saneamento integral do río Louro. Para levalas a cabo, foi necesaria a colaboración do Ministerio de Medio Ambiente, da Xunta de Galicia e dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, actualmente integrantes do Consorcio de Augas do Louro e beneficiarios dunhas obras que acadaron unha inversión global de preto de 94 millóns de euros.

Xa en 2009, e coas obras de saneamento e depuración practicamente rematadas, Augas de Galicia encargouse da posta en funcionamento das instalacións de xeito transitorio ata o momento en que a explotación se levara baixo a responsabilidade dos catro concellos. Preveuse a formación dun consorcio para xestionar unicamente a depuración, pero durante a creación do actual Consorcio de Augas do Louro engadíronse as competencias de abastecemento e sumidoiros, como se recolleu nos estatutos definitivamente aprobados en 2013. Esta fórmula dálle unha maior solvencia e sostibilidade a futuro.

Nestes estatutos determinase que o Comité Directivo é o órgano superior de goberno, estando composto polos alcaldes dos concellos que o integran e mais un representante de Augas de Galicia, de xeito que queda reforzado o carácter local desta administración.

Dado o carácter supramunicipal do consorcio, este aprobou a finais de 2013 unhas taxas iguais para os catro concellos, coa referencia do custo da auga vixente en Tui ata ese ano pero tomando como base os volumes de auga realmente consumidos e rexistrados mediante contadores, sen consumos mínimos.

Para levar a cabo prestación dos servizos o Consorcio tomou unha decisión innovadora, que combina o máximo control económico e técnico por parte da administración local e a experiencia profesional na prestación dos servizos dunha única  empresa, de xeito que esta leve a cabo a conservación, mantemento e manobra das instalacións e preste a asistencia técnica requirida para a lectura de contadores e elaboración de recibos. O contrato que une o Consorcio coa empresa asinouse por tan só tres anos prorrogables, de xeito que en caso de desacordo ou que o futuro comité directivo opte por outro modelo de xestión, poderá tomar nese momento a decisión que considere oportuna.

O importe das taxas é ingresado nas contas bancarias de titularidade do Consorcio, sen pasar pola empresa que presta o servizo, nunha clara diferenza coas concesións habituais de auga nos concellos. Así, é o Consorcio quen decide en todo momento cales son as prioridades que deben ser atendidas así como o destino final destes ingresos. Durante un período inicial de 5 anos, nos que se prevé que os ingresos por aplicación destas taxas non cubran  o total dos custes pola prestación dos servizos, Augas de Galicia prestará un apoio económico que acadará máis 1,3 millóns de euros.

Paralelamente e para atender outras necesidades de inversión do Consorcio tanto no que respecta á ampliación da cobertura dos servizos a toda a poboación destes catro concellos, e a conectar redes de sumidoiros xa existentes ao sistema de saneamento xeral como para mellorar ou poñer en funcionamento outras instalacións municipais actualmente fóra de servizo, Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil están a acometer, con cargo aos seus orzamentos, importantes actuacións de carácter prioritario, reforzando deste xeito o apoio institucional prestado dende hai xa vinte anos a este Consorcio de recente creación.

Deste xeito, o obxectivo final de manter o río Louro nun bo estado ecolóxico e plenamente recuperado para o uso e desfrute da cidadanía está cada vez máis preto de ser acadado.