Xa á venda o maillot oficial mosense de LA VUELTA 20

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Pode adquirirse previo encargo en Deportes González

 

O maillot oficial da saída de La Vuelta 2020 desde Mos que foi presentado o pasado 28 de febreiro no Instituto mosense xa se atopa dispoñible á venda para o público xeral.

O punto de venda é a tenda de Deportes González na Avenida de Sanguiñeda, onde poderá ser adquirido previo encargo. Alí os/as interesados/as en adquirir a prenda poderán probar a talla e decidir entre o clásico maillot ciclista por importe de 50 euros e unha camiseta técnica que custa 19 euros.

O pago das prendas realizarase no momento da recollida, non por adiantado.

Deste xeito todo o mundo poderá xa comezar a equiparse para asistir uniformados o día 3 de setembro á saída de La Vuelta Ciclista a España desde o Pazo de Mos.

O maillot ten un deseño de fondo branco con imaxes en braco e negro do Pazo de Mos (desde onde se producirá a saída da proba ciclista), da Casa Consistorial sita en Petelos e e da nova rotonda das Angustias coa fonte luminosa co lema SOMOSMOS e un pelotón de ciclistas ao seu redor superpostas, tanto na parte frontal como na traseira da prenda deportiva. Ademais atrás, na parte dos petos traseiros, loce o xadrezado en cores vermello e amarelo característico da heráldica mosense, tanto do escudo como da bandeira oficiais municipais. A rosa de Mos e o escudo ocupan tamén lugares protagonistas no maillot oficial da saída de LA VUELTA 20 desde Mos: a rosa engalana as mangas e o escudo aparece tanto no frontal na parte superior esquerda sobre o corazón como na traseira na parte superior central da espalda. Trátase dun deseño moi simbólico e corporativo, á par que orixinal e vistoso.

As representantes municipais, a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, e a edil de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro declararon sentirse “tremendamente orgullosas tanto da saída de La Vuelta desde o Pazo de Mos como deste precioso e orixinal maillot que, estamos seguras, será todo un éxito entre o público tanto mosense como de fóra de Mos”. “Este maillot ven a demostrar unha vez máis que Mos é calidade e que somos un pobo que expresa a grande honra de ser mosense. SOMOSMOS, e neste maillot queda perfectamente patente que nos gusta e nos enorgullece selo. Nunha soa prenda reflíctense valores históricos, culturais, sociais e deportivos; por iso consideramos excelente o resultado e cremos que se trata dunha peza de calidade sobresaínte. Esperamos que todo o mundo estea tan ilusionado e emocionado con el como nós”, concluíron a rexedoral local e as concelleiras mosenses.

A etapa de La Vuelta que sairá desde o Pazo de Mos o 3 de setembro ás 13.00 horas, transcorrerá polo termo municipal durante un traxecto de 9 quilómetros, dos que aínda está pendente detallar os lugares de paso do percorrido.