Xa se atopa aberta ao público a piscina de San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Nos meses de xullo e agosto ampliarase o horario de acceso libre para bañistas e poranse en marcha clases matinais de Aquagym con monitor

A concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, anunciou que a piscina de San Eleuterio xa se atopa aberta todos os días en horario de 15.00 horas a 21.00 horas. Horario que se manterá durante o presente mes de xuño.
Por outra banda, o horario de apertura da piscina durante os meses de xullo e agosto será de 11.30 a 21.30 horas ininterrumpidamente, durante todos os días.
As instalacións, que constan de dúas piscinas: unha grande e unha pequena -para os nenos de máis curta idade-, e de baños, contarán en todo momento cos servizos dun socorrista. A piscina está situada na zona oeste da urbanización de San Eleuterio, na parroquia mosense de Tameiga, xunto ó parque infantil e a pista deportiva.
Na piscina ao aire libre de San Eleuterio, dentro do programa municipal Mos no Verán, impartiranse clases de Aquagym ou ximnasia na auga durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral. As sesións celebraranse en dous grupos, un os martes e xoves, en horario de 10:45 horas a 11:30 horas (momento da apertura para o público xeral), e outro os mércores e venres no mesmo horario. As prazas son limitadas e a inscrición previa pode realizarse na Piscina Municipal sita no Pavillón Óscar Pereiro (tlf. 986 33 40 70) ou na propia Piscina de San Eleuterio.
Mos no Verán
Mos no Verán trátase dun plan dirixido a toda a poboación e que consta de clases de Aquagym na piscina ao aire libre de San Eleuterio.
O Concello de Mos puxo en marcha durante o verán do 2016 o innovador e pioneiro programa Mos no Verán, que este ano chega á súa cuarta edición cun elevado índice de satisfacción entre os seus participantes. É unha alternativa de ocio deportivo dirixida a toda a poboación que se desenvolve proporcionando ós veciños a posibilidade de seguir gozando de actividades deportivas que xeralmente se paralizaban con motivo da época estival.