Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en concerto en Torroso o día de San Mamede

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Música tradicional de primeira para celebrar o patrón local o domingo 7 de agosto ás 22.00 horas

 

 

O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou hoxe en Torroso, na contorna do Centro Dotacional, o concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que a Xunta de Galicia financia a través da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

 

Na presentación o Secretario Xeral estivo acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, o presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, e o Director da Escola de Música, Rubén García.

 

O concerto terá lugar, con entrada libre e totalmente de balde, nos exteriores do Centro Dotacional de Torroso, o vindeiro domingo, 7 de agosto, festividade local do Patrón San Mamede, ás 22.00 horas.

Sobre Xabier Díaz

Dos primeiros sopros de Xabier nunha gaita de fol nos albores dos 80 ata Coplas Para Icía (2007) pasaron case 30 anos. A súa curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre a música pop(ular) no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames, etc.

Logo chegou a Nova Galega de Danza coa que participou nos espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009.

Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda.

Durante este tempo editaron os discos Kosmogonías (2010) e O pulso da terra (2011). Alén diso, obtiveron o Premio de la Academia de la Música á mellor canción en galego (2011) e o de mellor grupo de música folk na primeira edición dos Premios Galegos da Música Martín Códax (2013), así como o galardón á mellor banda sonora nos Premios Mestre Mateo (2014) coa película Inevitable.

Grandes parceiros e amigos seus foron Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, cos que participou no proxecto aCadaCanto e cos que editou aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014).

Ao longo dos anos, realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Así mesmo, emprendeu numerosas viaxes para levar a música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda, etc.

No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, galardoado como o mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e o mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Con el tamén obtivo o premio á mellor canción en galego da primeira edición dos premios aRitmar. Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.

Chegou despois “Noró, Algunhas músicas do Norte” (Músicas de Salitre 2018) e unha extensa xira coa que, nos últimos anos, o grupo percorreu Noruega, Suecia, Francia, Bélxica, Escocia, Uruguai, Inglaterra ou Arxentina.

“As Catedrais silenciadas” (Músicas de Salitre 2020) é o terceiro e máis recente traballo coas Adufeiras de Salitre, un álbum que reflexiona sobre o despoboamento, o abandono do rural e o risco de perdermos a identidade e a cultura propia nunha sociedade como a galega.