Xardín sensorial, horta biointensiva, composteiro veciñal, museo etnográfico e aula da natureza na Aldea Alfacuca

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

ALCALDESA E DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE VIVEN EN PRIMEIRA PERSOA A EXPERIENCIA SENSITIVA DO XARDÍN SENSORIAL DE ALFACUCA

 

Ademais do xardín, unha horta biointensiva, composteiro veciñal, museo etnográfico e aula da natureza, foron creados por un campo de voluntariado na Aldea Alfacuca

 

  • Os participantes no campo de voluntariado xuvenil da Xunta desenvolven na antiga aldea mosense estas e outras iniciativas relacionadas co medio ambiente ata o vindeiro 6 de agosto
  • O proxecto foi redactado polo Concello de Mos e solicitado á Xunta de Galicia

 

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe o campo de voluntariado ‘Aldea Alfacuca’, que rematará o vindeiro sábado, 6 de agosto.

 

Trátase dunha proposta da administración autonómica que comezou o pasado 26 de xullo e que está destinada a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, centrada no coidado do medio ambiente.

 

É unha das actividades que se inclúen na campaña ‘O verán que queres contar’ do Goberno galego. En total, son 45 os campos de voluntariado que se celebran este verán en Galicia.

 

A campaña ‘O verán que queres contar da Xunta de Galicia’ é o paraugas no que se inclúe o mosense campo de voluntariado Aldea Alfacuca.

 

Este campo de voluntariado que toca xa a súa fin, conta con 15 prazas e está centrado principalmente no coidado do medio ambiente. Está localizado na parroquia de Louredo, onde se atopa unha aldea restaurada con edificacións datadas ao redor de 1670.

 

As mozas e mozos que forman parte desta actividade participaron na creación dunha horta biointensiva, dun composteiro para uso veciñal ou no deseño dun pequeno museo etnográfico e dunha Aula da Natureza, entre outros aspectos relacionados co medio natural.

 

Ademais diso, os participantes puideron realizar outras actividades complementarias como visitas a Porriño, a Vigo, a Redondela, á Illa de San Simón ou á cidade de Valença. Tamén desfrutaron dunha programación para impulsar a convivencia a través de celebracións e foliadas.

 

O proxecto foi redactado polo Concello de Mos e solicitado á Xunta de Galicia. A Xunta de Galicia promove neste senso a maior oferta de verán da historia. En concreto, Cristina Pichel destacou que a oferta da campaña estival para este ano é a máis alta da historia, ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. Este ano, a Xunta de Galicia puxo en marcha 45 campos de voluntariado polas catro provincias, dos cales 9 son novidade.