Xornada de recollida de alimentos para os gatos abandoados de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Será ao longo do día de mañá no supermercado Eroski de Sanguiñeda

A campaña municipal de concienciación sobre as colonias de gatos abandoados continúa co seu labor de recollida de alimentos cunha xornada de doazón no supermercado Eroski de Mos, sito na Avenida de Sanguiñeda. A recollida realizarase mañá sábado 5 de maio ininterrumpidamente ata o peche do devandito supermercado, onde os interesados en doar alimento para gatos poderán depositar a súa contribución.
Ademais de colaborar con aportacións de alimento, quen así o desexe poderá apoiar esta campaña doutros xeitos tales coma: facéndose fogar de acollida, adoptando un gatiño e/ou colaborando como voluntarios/as.
No punto de recollida de alimentos establecido para mañá no Eroski tamén se pode depositar para a súa doazón calquera outro produto para o coidado dos felinos (tales coma pipetas, etc.).
Esta campaña conta coa inestimable colaboración e participación de protectoras e voluntarios, sen os cales non tería sido posible poñer en marcha esta campaña de control de colonias de gatos sen dono na rúa baixo o lema ‘Ti decides, esteriliza’.
Os obxectivos desta campaña son a recollida de alimentos e produtos de coidado, a esterilización, adopción e acollida temporal dos gatos das colonias existentes en Mos.
A iniciativa inclúe tamén unha parte de sensibilización mediante o reparto de dípticos informativos. A campaña de esterilización está a ser realizada por parte do Concello.
Esta campaña consiste fundamentalmente en tratar de concienciar á cidadanía sobre as colonias de gatos abandoados e da necesidade de esterilizalos e alimentalos para que vivan nunhas condicións óptimas e salubres e para ter as colonias controladas, sen que aumente o número de membros nin se formen outras novas.