Xornadas sobre discapacidade e integración no rural en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta mañá presentouse na sede de Vigo da Deputación Provincial de Pontevedra a Xornada Discapacidade e Integración no Medio Rural, que se celebrará no centro Multiusos de Mos o vindeiro sábado, 22 de setembro.

Á presentación, realizada esta mañá en Vigo, asistiron a deputada provincial, Marta Iglesias, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a alcaldesa de Tomiño e presidenta do AGDR 18 MAIV-Baixo Miño, Sandra González, o presidente de COGAMI Pontevedra, Ángel Holguera, e o presidente da Asociación Vontade, Miguel Pazo.

Durante a presentación animouse a tódalas persoas interesadas a participar na xornada do sábado, xa que aínda quedan prazas dispoñibles, e destacáronse certos datos sobre a discapacidade en Galicia, coma que preto de 220.000 habitantes da comunidade autónoma galega sufren algún tipo de discapacidade, ou coma que a taxa de paro entre a poboación con discapacidade elévase ata entre o 70% e o 80%, fronte á taxa do 20% do resto da poboación. Neste sentido estas xornadas pretenden que datos coma este último melloren en beneficio das persoas con discapacidade e se favoreza a integración das mesmas no mercado laboral.

Con respecto á iniciaciva que hoxe se presentaba, a rexedora local do Concello anfitrión, Nidia Arévalo, declarou que “en Mos estamos encantados de poder acoller esta xornada e de traballar conxuntamente tanto con AGDR como con Cogami, colaboración que considero exemplar”. Ó mesmo tempo a alcaldesa quixo “agradecerlles a súa aportación na xornada a tódalas entidades colaboradoras na mesma, que non son poucas e que fixeron posible que a iniciativa se fixese realidade”, dixo Arévalo.

Xornadas

A Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural MAIV – Baixo Miño, por iniciativa da súa Mesa Sectorial de Acción Social, coa colaboración do Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra, están a organizar unha Xornada de Debate sobre o tema “DISCAPACIDADE E INTEGRACIÓN NO MEDIO RURAL”, que terá lugar o vindeiro 22 de SETEMBRO de 2012 no Multiusos de Mos, situado nas Pozas-Petelos.

O obxectivo desta interesante reunión é a reflexión e posta en común sobre a problemática que afecta ao colectivo de persoas con discapacidade no rural galego, centrado en tres puntos básicos: as oportunidades de acceso ao emprego para as persoas con discapacidade, os centros de servizos específicos as/aos discapacitadas/os e as barreiras para a mobilidade e a accesibilidade coas que se atopa diariamente este colectivo.

O alcance deste congreso abrangue a todas as institucións e persoas relacionados coa discapacidade en Galicia (asociacións, administración, empresas, usuarios, familiares, profesionais dos servizos sociais e asistenciais, etc) e coidamos contar coa presenza de mais dun cento de asistentes de toda a nosa Comunidade.

A Xornada de traballo comenzará cunha conferencia de Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia que dará unha visión global da problemática da discapacidade no medio rural galego, e será seguida das tres mesas de debate sobre emprego, centros de servizos e mobilidade, nas que participarán representantes da administración, das asociacións de persoas con discapacidade e dos usuarios.

Salienta a presenza de iniciativas empresariais como Integratex, as franquicias do grupo Inditex en Allariz, atendidas por persoas con discapacidade, ou a empresa de espectáculos XQuatro, propiedade de Marcos Rodríguez.

Tamén contaremos coa presenza do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, que dará a coñecer o seu proxecto para a mellora da calidade de vida de persoas en situación de dependencia ou discapacidade mediante a aplicación da domótica e a teleasistencia. E imos contar con tradutoras de linguaxe de signos e o local é totalmente accesible para persoas con problemas de mobilidade, ademais de ter reservados aparcamentos para eles. Tamén colaborará a recentemente creada protección Civil de Mos para asistir ás persoas que o precisen.

Asimesmo, a Deputación de Pontevedra presentará o seu programa “Pousadas Rurales”, así como outras iniciativas de turismo accesible da corporación provincial.

Finalmente, proceserase á lectura das conclusións ás que se chegue nesta convocatoria que se presentarán dentro do Congreso de Desenvolvemento Rural e Leader “Horizonte 2014-2020” que se celebrará en Santiago de Compostela o 7,8 e 9 de novembro, a fin de elaborar propostas en positivo para o período europeo 2014-2020.