Xornadas sobre discapacidade e integración no rural en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural MAIV – Baixo Miño, por iniciativa da súa Mesa Sectorial de Acción Social, coa colaboración do Concello de Mos e a Deputación de Pontevedra, están a organizar unha Xornada de Debate sobre o tema “DISCAPACIDADE E INTEGRACIÓN NO MEDIO RURAL”, que terá lugar o vindeiro 22 de SETEMBRO de 2012 no Multiusos “As Pozas” de Mos. A presentación de dita xornada terá lugar mañán, xoves 20 de setembro, ás 10.30 horas na sede de Vigo da Deputación Provincial de Pontevedra; onde estarán presentes a deputada provincial, Marta Iglesias, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

O obxectivo desta interesante reunión é a reflexión e posta en común sobre a problemática que afecta ao colectivo de persoas con discapacidade no rural galego, centrado en tres puntos básicos: as oportunidades de acceso ao emprego para as persoas con discapacidade, os centros de servizos específicos as/aos discapacitadas/os e as barreiras para a mobilidade e a accesibilidade coas que se atopa diariamente este colectivo.

O alcance deste congreso abrangue a todas as institucións e persoas relacionados coa discapacidade en Galicia (asociacións, administración, empresas, usuarios, familiares, profesionais dos servizos sociais e asistenciais, etc) e coidamos contar coa presenza de mais dun cento de asistentes de toda a nosa Comunidade.

A Xornada de traballo comenzará cunha conferencia de Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia que dará unha visión global da problemática da discapacidade no medio rural galego, e será seguida das tres mesas de debate sobre emprego, centros de servizos e mobilidade, nas que participarán representantes da administración, das asociacións de persoas con discapacidade e dos usuarios.

Salienta a presenza de iniciativas empresariais como Integratex, as franquicias do grupo Inditex en Allariz, atendidas por persoas con discapacidade, ou a empresa de espectáculos XQuatro, propiedade de Marcos Rodríguez.

Tamén contaremos coa presenza do departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, que dará a coñecer o seu proxecto para a mellora da calidade de vida de persoas en situación de dependencia ou discapacidade mediante a aplicación da domótica e a teleasistencia. E imos contar con tradutoras de linguaxe de signos e o local é totalmente accesible para persoas con problemas de mobilidade, ademais de ter reservados aparcamentos para eles. Tamén colaborará a recentemente creada protección Civil de Mos para asistir ás persoas que o precisen.

Asimesmo, a Deputación de Pontevedra presentará o seu programa “Pousadas Rurales”, así como outras iniciativas de turismo accesible da corporación provincial.

Finalmente, proceserase á lectura das conclusións ás que se chegue nesta convocatoria que se presentarán dentro do Congreso de Desenvolvemento Rural e Leader “Horizonte 2014-2020” que se celebrará en Santiago de Compostela o 7,8 e 9 de novembro, a fin de elaborar propostas en positivo para o período europeo 2014-2020.