A Biblioteca Municipal María Magdalena de Mos organiza unha exposición bibliográfica con motivo do 25N
A iniciativa, que se poderá visitar do 23 ao 27 de novembro, reúne unha selección de libros e recursos para promover a sensibilización e a reflexión sobre a violencia machista

O Concello de Mos, a través da Biblioteca Municipal María Magdalena, súmase á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra cada 25 de novembro, cunha exposición bibliográfica dedicada á sensibilización, á reflexión e á loita contra todas as formas de violencia machista.
A exposición estará dispoñible na biblioteca municipal entre os días 23 e 27 de novembro e ofrecerá ás persoas usuarias unha selección de libros e diferentes recursos documentais que permiten achegarse á realidade da violencia contra as mulleres, comprender as súas causas e consecuencias e reflexionar sobre a necesidade de avanzar cara a unha sociedade baseada na igualdade e no respecto.
A proposta busca achegar á veciñanza materiais de lectura que contribúan a fomentar unha maior conciencia social sobre esta problemática, promover relacións igualitarias e favorecer unha cultura de rexeitamento de calquera manifestación de violencia machista.
Desde a Biblioteca Municipal María Magdalena anímase á cidadanía a visitar a exposición e descubrir os materiais seleccionados para esta ocasión, lembrando que a lectura tamén é unha ferramenta para abrir os ollos, xerar conciencia e contribuír á transformación social.
Baixo a mensaxe «Nin unha menos. Por unha sociedade libre de violencia contra as mulleres», o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa sensibilización e coa construción dunha sociedade na que todas as mulleres poidan vivir libres de violencia.






