Mos aproba o proxecto para conectar á rede de saneamento as 20 vivendas públicas de San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A actuación, cun investimento de de máis de 65.000 euros asumido pola Xunta de Galicia, é un paso previo e imprescindible para avanzar cara á adxudicación das vivendas, prevista para febreiro

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou esta mañá o proxecto de conexión á rede municipal de saneamento do edificio de 20 vivendas de promoción pública (VPP), con garaxes e rochos, que se está a construír no barrio de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga.

 

Esta aprobación permite resolver a dificultade técnica existente para conectar o edificio á rede de saneamento municipal e avanzar na tramitación necesaria para a adxudicación das vivendas, prevista para o vindeiro mes de febreiro.

O proxecto contempla a execución dun novo trazado de saneamento polo Camiño do Covelo, cunha lonxitude aproximada de 135 metros, que permitirá conectar o edificio coa rede municipal existente e garantir o servizo tamén para posibles conexións futuras de parcelas lindeiras.

 

A actuación inclúe a instalación dun novo colector de PVC de 315 milímetros de diámetro e a construción de catro novos pozos de rexistro para facilitar o mantemento da infraestrutura. Tamén se levarán a cabo os traballos de apertura e reposición do pavimento afectado pola intervención.

O proxecto establece un prazo de execución dun mes e conta cun orzamento de máis de 65.000 euros, importe que será asumido pola Xunta de Galicia.

 

A aprobación deste proxecto de conexión á rede de sumidoiros supón un novo paso na tramitación necesaria para que as 20 vivendas de promoción pública de San Eleuterio, que se atopan na súa fase final de contrucción, poidan avanzar cara á súa adxudicación, prevista para o mes de febreiro.