Mos insiste nun cambio de trazado da liña de moi alta tensión para evitar afeccións ao seu territorio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello reafirma, tras unha nova reunión, a súa postura e reclama o soterramento integral da infraestrutura ao seu paso por Mos, así como o estudo de alternativas que aproveiten corredores de vías de alta capacidade, como a PO-331.

 

O Concello de Mos mantense firme na súa postura respecto ao proxecto da liña de moi alta tensión e quere deixar claro que a súa oposición non é á necesidade dunha infraestrutura eléctrica destas características, senón ao trazado proposto, que considera lesivo para o territorio municipal pola súa incidencia sobre as vivendas, os montes, os recursos hídricos, o medio natural e as infraestruturas existentes.

 

Tras unha nova reunión con representantes de Redeia, o Goberno municipal reafirma a posición que vén defendendo desde o inicio da tramitación: a liña debe modificar o seu trazado e soterrarse integramente durante todo o percorrido polo municipio. Mos considera que non se pode aceptar unha proposta que traslada importantes afeccións ás parroquias e á veciñanza cando existen outras alternativas que deben ser estudadas.

 

O Concello fundamenta esta postura nos informes técnicos e xurídicos elaborados durante o proceso de alegacións, entre eles os desfavorables á compatibilidade urbanística co PXOM de Mos, á avaliación ambiental e aos bens afectados.

 

Entre as principais obxeccións figuran a incompatibilidade co planeamento urbanístico vixente, a saturación do subsolo e as posibles interferencias coas redes de servizos municipais, así como as deficiencias detectadas no estudo de impacto ambiental. O Goberno local tamén advirte da falta dunha análise suficientemente detallada das afeccións sobre as captacións de auga, os núcleos residenciais, a paisaxe, o patrimonio e os espazos naturais.

 

Mos reclama, ademais, un estudo comparativo rigoroso das distintas alternativas de trazado, incluída a alternativa cero, e que se valore o aproveitamento de corredores de infraestruturas xa existentes e de alta capacidade, como a PO-331, evitando a apertura de novos corredores que incrementen as afeccións sobre os núcleos rurais, as vivendas e os espazos naturais do municipio. A proposta municipal pasa por aproveitar estas infraestruturas viarias e garantir o soterramento integral da liña en todo o seu percorrido por Mos.

 

A proposta municipal é clara: soterramento integral da liña ao seu paso por Mos e revisión do trazado para evitar as afeccións que contempla o proxecto actual. O Concello considera que o desenvolvemento das infraestruturas eléctricas debe ser compatible coa protección do territorio, o respecto ao planeamento urbanístico e a calidade de vida da veciñanza.

 

Durante o período de exposición pública, o Concello presentou alegacións institucionais, facilitou modelos de alegación á cidadanía e mantivo reunións informativas con veciños, asociacións, comunidades de montes e comunidades de augas. Tamén contratou unha empresa especializada para afondar na análise ambiental do proxecto.

 

 

O Concello quere deixar claro que non se opón á necesidade dunha infraestrutura eléctrica destas características nin ao desenvolvemento da rede eléctrica, senón ao trazado proposto e ás consecuencias que este tería para o municipio. A oposición municipal céntrase nun percorrido que considera lesivo para o territorio, polas afeccións ás vivendas, aos montes, aos recursos hídricos, ao medio natural e ás infraestruturas existentes. Por iso, reclama unha modificación do trazado e o soterramento integral da liña ao seu paso por Mos.