Mos pecha a porta á violencia de xénero nun 25N marcado pola lembranza de Belén
O acto institucional, presidido pola alcaldesa, Nidia Arévalo, celebrouse baixo o lema «Pechemos a porta á violencia de xénero» e incluíu unha homenaxe ás vítimas, a lectura dun manifesto e a colocación dunha placa en memoria da veciña de Mos asasinada
x 
O Concello de Mos celebrou hoxe no Multiusos o acto institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema «Pechemos a porta á violencia de xénero». A convocatoria estivo marcada pola lembranza de Belén, a veciña de Mos asasinada vítima da violencia machista.

O espazo contou coa instalación de varias portas, unha proposta simbólica para representar o rexeitamento colectivo de todas as formas de violencia contra as mulleres. A través deste xesto, o Concello de Mos quixo transmitir a necesidade de pechar a porta ao maltrato, ao control, ás ameazas e á desigualdade, e abrir camiño ao respecto, á liberdade e ás relacións baseadas na igualdade.

Durante a cerimonia deuse lectura aos nomes das mulleres vítimas da violencia machista incluídas na homenaxe. Por cada unha delas depositouse unha flor como xesto de lembranza e respecto. A última foi a correspondente a Belén, cuxa memoria tivo un momento especial dentro do acto. En lembranza da veciña colocouse tamén unha placa coa inscrición: «Sempre na nosa lembranza. Non te esquecemos».
A lectura do manifesto correu a cargo de Ana Cabaleiro, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Mos, e Ana Vázquez, xefa técnica do departamento de Emprego, que deron voz ao compromiso municipal e colectivo fronte á violencia contra as mulleres.

A música acompañou os momentos máis emotivos da convocatoria. Estefanía Abeledo interpretou varias pezas co seu violín, mentres que unha das usuarias do programa RENACE cantou unha composición propia que compartiu coas persoas asistentes durante a homenaxe.

A alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Igualdade, Leo Costas, e polos seus compañeiros e compañeiras do equipo de goberno. Tamén asistiu una representación da corporación municipal e diferentes colectivos sociais, culturais e deportivos.
Nidia Arévalo lembrou que este está a ser un ano especialmente duro para o municipio tralo asasinato de Belén. «Este ano comprobamos, da maneira máis dolorosa, que a violencia machista tamén pode suceder aquí, en Mos», sinalou.

A rexedora insistiu en que detrás de cada cifra hai unha muller, unha vida, unha familia e un proxecto de futuro. Por iso, reclamou non normalizar ningunha forma de violencia nin mirar cara a outro lado ante as situacións de maltrato.
«A loita contra a violencia de xénero é cousa de todos e de todas», destacou a alcaldesa, que apelou á responsabilidade compartida das institucións, dos profesionais e do conxunto da sociedade. Neste sentido, subliñou a importancia de detectar os sinais de alerta, non xustificar os comportamentos de control, acompañar as mulleres que precisan axuda e educar as novas xeracións no respecto e na igualdade.
O acto concluíu cunha mensaxe de lembranza ás vítimas e de compromiso coa prevención e a atención da violencia machista. Mos quixo deixar claro que pechar a porta á violencia de xénero non é só un xesto simbólico nin un compromiso dun día, senón unha responsabilidade que debe manterse durante todo o ano.






