O Concello de Mos anima á veciñanza a participar na creación colectiva dunha árbore téxtil pola inclusión
A iniciativa desenvolverase durante o mes de novembro con obradoiros de creación e culminará o 3 de decembro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Concello de Mos, en colaboración con EVD Galicia, promove a iniciativa «A árbore que florece na diversidade», un proxecto de arte téxtil urbana que busca implicar a veciñanza na creación dunha obra colectiva como símbolo de inclusión, respecto e convivencia.
A proposta consistirá na elaboración de flores e outros elementos decorativos mediante diferentes técnicas artesanais, que se realizarán ao longo do mes de novembro en obradoiros abertos á participación. Posteriormente, todas as creacións reuniranse para tecer unha gran árbore colectiva, que se instalará o 3 de decembro, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
A actividade está aberta a toda a veciñanza. Poderán sumarse asociacións, entidades veciñais e culturais, centros educativos, familias, persoas maiores, nenos, nenas e adolescentes, así como calquera persoa interesada en formar parte desta experiencia compartida.

As persoas que se queiran sumar a esta iniciativa poderán escoller entre distintas técnicas de elaboración, como o croché tradicional, os teares de cartón ou a creación de pompons e borlas. Non é necesario contar con experiencia previa, xa que os obradoiros se adaptarán ás habilidades e posibilidades de cada persoa.

Máis alá do resultado artístico, a iniciativa pretende crear un espazo de encontro e colaboración no que cada participante achegue a súa propia creación. Cada flor incorporará unha mensaxe vinculada a valores como o respecto, a empatía, a igualdade e a diversidade.
As asociacións e persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), no teléfono 986 339 404 ou no enderezo electrónico omix@concellomos.es. O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de novembro.






