O Concello de Mos promove a marcha nórdica cun obradoiro gratuíto e catro saídas prácticas
A actividade comezará o sábado 7 de novembro, de 10.00 a 13.00 horas, no Pazo de Mos, e será gratuíta para as persoas empadroadas no municipio

O Concello de Mos promove a práctica da marcha nórdica cunha proposta que combina formación inicial e saídas ao aire libre, co obxectivo de achegar esta disciplina á veciñanza e fomentar hábitos de vida saudables.
O programa comezará o sábado 7 de novembro cun obradoiro de tres horas, de 10.00 a 13.00 horas, no Pazo de Mos. Durante a sesión, as persoas participantes coñecerán os fundamentos da marcha nórdica e aprenderán a técnica necesaria para practicala correctamente.
A formación completarase con catro sesións prácticas de dúas horas e media, previstas para os días 14, 21 e 28 de novembro e 5 de decembro. Estas saídas permitirán poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante o obradoiro inicial.
A actividade será gratuíta para as persoas empadroadas no Concello de Mos.

A formación estará impartida por Nacho García, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e instrutor de marcha nórdica con máis de doce anos de experiencia. Foi o primeiro seleccionador do Equipo Galego de Marcha Nórdica e recibiu en 2021 o recoñecemento da Federación Galega de Montañismo como mellor deportista pola súa labor de promoción e divulgación desta disciplina.
A marcha nórdica combina a camiñada co uso de bastóns específicos e contribúe a mellorar a postura corporal, a coordinación e a condición física, ademais de traballar diferentes grupos musculares e reducir a sobrecarga nas articulacións.
As persoas interesadas poden solicitar información e inscribirse contactando con Nacho García no teléfono 658 275 413 ou a través do correo electrónico ngentrena@gmail.com.
Con esta iniciativa, o Concello de Mos ofrece á veciñanza unha oportunidade para iniciarse na marcha nórdica e practicar actividade física en contacto coa natureza.






