Uxía achegou ao alumnado do CEIP de Petelos a historia das mulleres na música galega
A cantante mosense participou nun encontro arredor do libro “Galegas na Música”, da escritora Isabel Blanco, falecida recentemente

O alumnado de 5.º e 6.º de Primaria do CEIP de Petelos participou este martes nun encontro celebrado na Biblioteca Pública María Magdalena coa cantante Uxía arredor do libro “Galegas na Música”, da escritora Isabel Blanco, con ilustracións de María Lapido.
A actividade, organizada polo Concello de Mos para comemorar o Día da Música, permitiu achegar aos nenos e nenas a historia das mulleres que contribuíron ao desenvolvemento da música galega, moitas delas pouco coñecidas ou sen o recoñecemento que merecían.
Durante o encontro, Uxía falou sobre os contidos da publicación e compartiu a súa propia experiencia profesional como muller no mundo da música. A artista repasou a súa traxectoria, as dificultades que atopou ao longo da súa carreira e a evolución da presenza feminina neste ámbito.

A participación de Uxía, unha das voces máis recoñecidas da música galega e natural de Mos, permitiu ao alumnado coñecer de primeira man a experiencia dunha artista que leva décadas traballando na difusión e renovación da música do país. Ademais, a súa presenza coincidiu coa recente concesión do premio aRi[t]mar á Mellor Música Galega de 2025 pola canción Será por flores.

O encontro combinou literatura, música e educación en igualdade, achegando ás novas xeracións referentes femininos da cultura galega e recoñecendo o traballo das mulleres que contribuíron a manter viva a nosa tradición musical.

A actividade tivo tamén un significado especial pola lembranza de Isabel Blanco, falecida recentemente, e polo recoñecemento ao seu labor de recuperación e divulgación da historia das mulleres galegas. A publicación Galegas na Música forma parte do seu traballo de visibilización das achegas femininas á cultura e á sociedade galegas.






